Silleda sigue promovendo a súa campaña de empadroamento

O concello instalou un cartel co logotipo da campaña nunha valla publicitaria do núcleo urbano

Silleda, 9 de xullo de 2016.  O Concello de Silleda continúa coa promoción da súa campaña de empadroamento para conseguir que as 1000 persoas que se estima, viven no municipio sen estar empadroadas, o fagan.

Con este fin, ademais de colocar carteis específicos nas instalacións correspondentes ás áreas de cultura, deportes, sanidade ou educación, tamén se fixo un buzoneo, extensivo a tódalas vivendas do municipio, explicando tanto os beneficios económicos que o concello obtería co empadroamento de aqueles que non o están, coma as instrucións a seguir para facelo. Estes trípticos informativos contiñan un erro ao indicar que a presentación dunha factura telefónica era documentación suficiente para facer o trámite. Dato que non é correcto, e polo que xa pediron desculpas dende o consistorio trasdezá.

Como complemento a todas estas accións de promoción da campaña, a pasada semana o Concello de Silleda instalou un cartel co logotipo da mesma nunha valla publicitaria ao lado da estrada nacional 525 na saída do núcleo urbano de cara a Santiago.

O Alcalde, Manuel Cuíña, manifestou o seu desexo de conseguir o máximo de empadroamentos posibles xa que, “aínda que non hai posta ningunha meta ao respecto, cantas máis persoas se empadroen, máis repercutirá en beneficios para todos”, comentou o rexedor.