- O cambio responde á maior amplitude e funcionalidade do novo espazo e á recente reorganización do edificio empregado ata o de agora
Silleda, 13 de abril de 2026. O Concello de Silleda vén de solicitar á Xunta Electoral o cambio do local electoral da parroquia de Escuadro para trasladalo á planta baixa do edificio que alberga a Aula da Natureza, situado xusto enfronte do espazo no que se viñan celebrando ata o de agora as votacións, dentro do mesmo recinto social municipal.
A proposta parte dunha revisión do uso e das condicións dos dous inmobles que integran este complexo. Nun deles era onde tradicionalmente se instalaban as mesas electorais, mentres que no outro se atopa a Aula da Natureza, unha sala de maiores dimensións cuxa planta baixa está sendo utilizada na actualidade pola veciñanza para ensaio musical.
A decisión de promover agora este cambio chega coincidindo coas obras de mellora realizadas no edificio no que ata a data se celebraban as eleccións. En concreto, os traballos executáronse na propia sala onde se instalan habitualmente as mesas electorais e consistiron no acondicionamento dun dos cuartos de baño para facelo accesible a toda a cidadanía, así como na apertura dun oco no muro interior que comunica directamente coa zona de cociña.
Estas actuacións leváronse a cabo en colaboración coa Asociación de Mulleres de Escuadro e coa Deputación de Pontevedra, e supoñen unha mellora importante para o uso cotián deste centro social. Ao mesmo tempo, a nova configuración do espazo levou ao Concello a valorar que, para unha xornada electoral, o outro edificio do recinto reúne mellores condicións.
Así, a planta baixa do inmoble que alberga a Aula da Natureza presenta unha maior amplitude, máis iluminación e mellores condicións de accesibilidade e funcionalidade para o desenvolvemento da votación. O cambio permitirá que tanto as persoas que forman parte das mesas como a propia veciñanza dispoñan dun espazo máis cómodo e axeitado ao longo de toda a xornada.
Desde o Concello sublíñase ademais que esta proposta foi analizada coas persoas usuarias dos centros sociais e que existe acordo co cambio plantexado. Neste sentido, o Concello agradece expresamente a disposición das persoas que utilizan a planta baixa do edificio que alberga a Aula da Natureza para ensaio musical, ao facilitar o uso deste espazo durante a xornada electoral.
Deste xeito, a veciñanza de Escuadro seguirá votando no mesmo recinto social municipal de sempre, aínda que nun edificio distinto dentro do propio complexo. Con esta medida, o goberno local busca adaptar o local electoral a un espazo máis amplo, cómodo e accesible, ao tempo que reforza o uso social e diario do edificio no que se executaron recentemente as obras.
