Suspendida temporalmente a recollida de roupa e calzado usado en Silleda

Silleda, 22 de abril 2020.  A Fundación Humana vén de comunicar ao Concello de Silleda a suspensión temporal do servizo de recolleda selectiva de textil no municipio, como consecuencia da crise sanitaria global. Os 12 colectores, situados varios puntos de Silleda, da Bandeira e tamén en Laro, quedarán precintados e colocarase unha nota informativa.

Dende o Concello de Silleda prégase á veciñanza que se absteñan de acumular bolsas con roupa xunto aos colectores, e que se agarde a que o servizo se poida reanudar.

A medida afecta a todos os municipios e cidades onde Humana se encarga da recollida destes residuos, xa que a entidade se viu obrigada a pechar temporalmente as súas instalacións.

Ata o momento a recollida efectouse extremando as medidas de seguridade e desinfectando os colectores. O servizo retomarase en canto sexa posible.

Así mesmo, lémbrase que tamén continúa pechado o Punto Limpo e tampouco se realiza a recollida de enseres a domicilio.