Trinta establecementos comerciais participan no programa Silledagasalla

Silleda, 10 de decembro de 2015. Unha trintena de establecementos comerciais do municipio silledense participa este ano no programa Silledagasallaun certame que se estrenou o pasado ano dentro da campaña de Nadal cun grande éxito.

Trátase dunha iniciativa posta en marcha dende a Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe Aida Castro,  en colaboración cos centros educativos e o sector do comercio de Silleda. 

Con este certame, para o fomento da lingua galega elixiranse os lemas máis orixinais que logo se repartirán entre os comercios para acompañar os agasallos de Nadal dos clientes.

Trátase de que o alumnado aporte lemas en galego relacionados coas datas de Nadal. Estes lemas serán logo editados polo Concello de Silleda, converíndoos en pegatinas de felicitación que serán repartidas a aqueles comercios do municipio de Silleda, que así o soliciten, para a decoración dos agasallos de Nadal.

Os lemas comezarán a repartirse a vindeira semana nos comercios, acompañando –en forma de pegatina-aos regalos de Nadal.

Dende a Concellería de Normalización Lingüística  non se plantexa esta actividade como concurso, senon como participación de todo o alumnado.

Dende a Concellería de Normalización, Aida Castro agradece aos centros educativos que participaron, o IES Pintor Colmeiro, CEIP de Silleda, Colexio María Inmaculada e o Servizo Lúdico Educativo  “a súa implicación con esta iniciativa, na que volveremos atopar unha grande orixinalidade dos alumnos e alumnas á hora de parabenizar estas datas”, engade.

Tamén agradece a participación do comercio, “o outro eixo desta iniciativa para dar a coñecer os lemas presentados”, engade.