Veciños de Siador e Laro preocupados polas actualizacións catastrais

Silleda, 24 de maio de 2016.  Siador e Laro foron as parroquias visitadas na noite de onte dentro da rolda de reunións que o goberno de Silleda está a ter cos veciños.

Logo da exposición por parte do alcalde dos proxectos que actualmente se están levando a cabo dende o concello, os habitantes tomaron a palabra para expresar as súas inquedanzas. O tema máis recorrente nas dúas parroquias foi a actualización catastral á que se verá sometido o concello este ano, por parte da Xerencia Territorial de Pontevedra, co fin de incorporar ao Catastro os inmobles urbanos e rústicos en construción, así coma as alteracións das súas características.

Especial inquietude supón o ter que pagar o Imposto de Bens Inmobles nas instalacións gandeiras, que ata o de agora non estaban obrigadas, en parroquias tan vinculadas á agrogandeiría como é a de Laro, e tendo en conta a crise que xa está vivindo o sector.

Os veciños expresaron a necesidade de que a empresa encargada dos traballos de regularización catastral faga un traballo de campo e non medicións sobre plano ou fotos aéreas, visitando cada propiedade, para que a revisión se faga sobre datos o máis reais posibles.

Manuel Cuíña explicou que esta revisión está ditada polo ministerio, e que nada ten que ver con ela o concello, sen embargo dende a entidade local sí que se están a tomar medidas para reducir o máximo posible a incidencia de este imposto ás explotacións gandeiras. De feito no pleno do 31 de marzo declarouse a estas explotacións como industria estratéxica para o concello, primeiro paso a seguir para conseguir facer unha bonificación de ata o 95 por cen a partires do próximo ano. O seguinte será a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto, que se presentará no pleno do vindeiro xoves.