Voltan as excursións de Silleda Activa, cunha viaxe ao Algarve do 16 ao 21 deste mes  

-As inscricións poderán realizarse dende este mércores día 5 de xeito presencial e ata o luns día 10 no Centro Social dos Maiores de Silleda

Silleda, 3 de outubro de 2022.  O Concello de Silleda, a través do Club do Centro Social dos Maiores e do programa Silleda Activa retoma as excursións despois de dous anos de paréntese por mor da pandemia.

Esta iniciativa volta cunha excursión ao Algarve, no sur de Portugal, dende o vindeiro domingo 16 de outubro e ata o venres día 21. As inscricións poden realizarse a partir deste mércores día 5 (inclusive) no Centro Social dos Maiores de Silleda, de xeito presencial, admitíndose un máximo de 4 inscricións por persoa. O prazo de inscrición remata o luns día 10.

No momento de anotarse, indicarase xa o número de asiento no autobús.

O prezo da excursión é de 495 euros por persoa, incluindo autocar durante todo o percorrido, guía acompañante, 5 noites de hotel, pensión completa durante todo o circuito, visitas e seguro de viaxe (Non inclúe o almorzo do primeiro día nin a cea do último día).

Así mesmo, dende a Concellería de Benestar, que dirixe Ánxela Troitiño e que se encargou de organizar esta viaxe, indícase que as persoas que se anoten só están obrigadas a ir e voltar no mesmo autobús, xa que o resto da programación é optativa.

No momento da inscrición, ademais de realizar o pago deberase aportar unha serie de documentación. Así será preciso ademais da folla de inscricións, achegar outra relativa a medicación, un cuestionario médico individualizado, copia do DNI e tarxeta sanitaria. Para esta viaxe, precísase a Tarxeta Sanitaria Europea, que de non tela se deberá de solicitar á Seguridade Social. No propio Centro Social tamén se xestionará esta solicitude.

A viaxe inclue unha visita guiada a Oporto na primeira xornada do domingo 16 na que a pernocta será en Fátima. O luns 17 visitarase a localidade de Santarém con chegada a Monte Gordo. O martes 18 e mércores 19 a expedición continuará con visitas a Vila Real de Santo António, Tavira, Ayamonte, Lagos, Carvoeiro e Albufeira. O xoves día 20 emprenderase viaxe de volta con visita e xantar en Évora e pernocta en Castelo Branco. O último día, venres 21 está previsto visitar Vila Real xa de regreso a Silleda.

Todas as personas interesadas en obter máis información poden contactar co departamento de Benestar a través do teléfono 986 592037, en horario de 08:00 a 15:00 horas.