Remata a instalación do equipamento técnico que mellora o auditorio municipal Manuel Dopazo

-O proxecto de mellora das instalación culturais por parte do Concello de Silleda logrou unha subvención da Agadic, a través dos fondos europeos Next Generation, para colocar un sistema de proxección e renovar iluminación e son neste espazo cultural na Bandeira.

Silleda, 4 de agosto de 2023-. Como xa se informara previamente, o Concello de Silleda concorreu o pasado mes de novembro á convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para a concesión de axudas á modernización e xestión sustentable das infraestruturas das artes escénicas e musicais, ao abeiro dos Fondos Next Generation EU, cun proxecto para mellorar estas instalacións, co apoio da Xunta de Galicia.

O Concello recibiu a concesión de dita axuda por un importe de 36.562,29 euros, que se completará con fondos municipais ata un total de 50.830,83 euros. A empresa adxudicada, TECESA Acústica Visual SL, acaba de rematar a instalación do material técnico.

Desta maneira, o auditorio municipal Manuel Dopazo ten un novo proxector de alta definición con soporte de teito, así como unha pantalla. Instaláronse tamén luces LED para o escenario, conseguindo un maior aforro e calidade lumínica. Tamén se instalaron 4 motores polipastos, aumentando a seguridade na estrutura da iluminación. Ademais, púxose unha mesa de mezcla de sonido dixital ca que se mellorará a sonoridade deste equipamento cultural, moi utilizado por distintos colectivos, e un panel de micrófonos.