Silleda Solidaria amosa o seu agradecemento á organizació e asistentes ao Bandeirock

O programa Silleda Solidaria, que xestiona o departamento de Servizos Sociais do Concello de Silleda, quere facer público o seu agradecemento á organización do certame Bandeirock, que se celebrou onte xoves na Bandeira, así coma aos asistentes á cita musical, este ano cun carácter solidario. Grazas a este xesto, o Banco de Alimentos conta con importantes provisións para atender as necesidades básicas das familias con menos recursos. É de destacar tamén a gran resposta do público ao chamamento feito dende o programa municipal para contar con produtos coma leite, aceite, conservas ou galletas, dos que había menos provisións. Os alimentos aportados neste concerto foron xa recollidos por personal dos Servizos Sociais, e incluso houbo xente que se achegou esta mañá ás dependencias municipais para facer a súa aportación. A concelleira de Benestar Social, Dolores García, eloxia a iniciativa do Bandeirock “un xesto que segue a amosar a solidariedade dos sillendeses”, destaca.