O Concello abre o luns 17 as inscricións para unha nova edición do programa Silleda Activa

 

  • A iniciativa, dirixida ás persoas maiores, inclúe ximnasia de mantemento, aerobic, pilates, musicoterapia e obradoiros de memoria e estimulación cognitiva
  • As actividades comezarán nos primeiros días de setembro nos centros sociais de Silleda e A Bandeira
  • As inscricións poderán formalizarse no departamento de Benestar Social ou no teléfono 986 592 037 a partir do luns 17 de agosto

Silleda, 11 de agosto de 2026. O Concello de Silleda abrirá o vindeiro luns 17 de agosto o prazo de inscrición para unha nova edición de Silleda Activa, o programa municipal dirixido ás persoas maiores que ofrece distintas propostas destinadas a favorecer a actividade física, o benestar e a estimulación cognitiva.

A programación para o curso 2026-2027 mantén actividades xa consolidadas como a ximnasia de mantemento, o pilates, a musicoterapia, o aerobic e os obradoiros de memoria e estimulación cognitiva, con sesións que se desenvolverán nos centros sociais de Silleda e A Bandeira.

A ximnasia de mantemento terá lugar no Centro Social de Silleda os martes e xoves, de 10:00 a 10:45 horas, cun prezo de 20 euros mensuais. As clases comezarán o 1 de setembro.

O aerobic contará novamente con grupos nas dúas vilas. En Silleda impartirase os mércores, de 11:30 a 12:30 horas, e os venres, de 9:00 a 10:00, no Centro Social, cunha cota de 20 euros ao mes e inicio o 2 de setembro. Na Bandeira, as sesións serán os luns, de 11:00 a 12:00 horas, e os venres, de 10:30 a 11:30, tamén por 20 euros mensuais, comezando o 4 de setembro.

A oferta complétase co pilates, os venres de 10:15 a 11:00 horas no Centro Social de Silleda, por 20 euros ao mes e con inicio o 4 de setembro, e coa musicoterapia, que se desenvolverá os luns de 9:15 a 10:15 e os mércores de 10:15 a 11:15 horas. Neste caso, o prezo será de 22 euros mensuais e a actividade comezará o 2 de setembro.

Un ano máis, tamén se ofertará de xeito gratuíto a actividade de memoria e estimulación cognitiva, con dous grupos os martes no Centro Social de Silleda: o grupo A, de 11:00 a 12:00 horas, e o grupo B, de 12:00 a 13:00. As sesións comezarán o 1 de setembro.

As persoas interesadas poderán realizar a súa inscrición a partir do luns 17 de agosto, incluído, acudindo ao departamento municipal de Benestar Social ou chamando ao teléfono 986 592 037.

A concelleira de Benestar Social, Ángela Troitiño, anima ás persoas maiores do municipio a participar novamente nesta programación, “coa que queremos seguir ofrecendo alternativas que axuden a manterse activas, tanto física como mentalmente, e que ao mesmo tempo favorezan a convivencia e a socialización”.

“Silleda Activa é xa unha programación consolidada e moi ben acollida, coa que seguimos apostando por un envellecemento activo e por mellorar a calidade de vida das persoas maiores do noso municipio”, engade Troitiño.