O Concello de Silleda poñerá mañá martes en marcha unha campaña informativa e de concienciación sobre a nova sinalización implantada na Avenida do Parque e na súa contorna, logo das obras de humanización executadas nesta zona do casco urbano.
A actuación permitiu configurar neste ámbito unha zona de estancia e xogo con prioridade peonil, o que supón cambios importantes nas condicións de circulación e estacionamento que deben ser coñecidos e respectados polas persoas condutoras.
Co obxectivo de facilitar a adaptación á nova ordenación, o Concello manterá durante este mes de outubro carteis informativos nos que se explican de maneira clara as principais normas que rexen neste espazo.
Nesta zona, as persoas teñen prioridade sobre os vehículos, a velocidade máxima permitida é de 10 quilómetros por hora e está prohibido parar ou estacionar fóra dos espazos expresamente habilitados, agás nos casos que conten cunha autorización municipal previa con motivo da celebración dalgún evento.
Tamén se habilitou nesta avenida do sistema rotatorio de estacionamento a través da zona azul.
A campaña pretende reforzar o coñecemento da nova sinalización e concienciar sobre o carácter deste espazo, concibido para favorecer unha maior convivencia entre peóns e vehículos e incrementar a seguridade nunha das zonas máis concorridas do casco urbano.
Durante este mes priorizarase o labor informativo e de concienciación, permitindo así un período inicial de adaptación á nova regulación.
Unha vez rematado este período informativo, procederase ao control do cumprimento da sinalización e as condutas que vulneren a normativa poderán ser obxecto das correspondentes sancións.
Desde o Concello de Silleda faise un chamamento á colaboración e á responsabilidade das persoas condutoras, lembrando que a nova configuración da Avenida do Parque busca crear un espazo máis seguro, accesible e amable para a veciñanza.
