Silleda, 11 de maio de 2017. Pasado mañá sábado celebrarase en Silleda unha sesión sobre pedagoxía Montessori no marco do programa Avelaíña, posto en marcha pola Concellería de Cultura a finais do ano 2015.
Unha vez máis a convocatoria resultou todo un éxito, anotándose a día de hoxe 50 persoas procedentes tanto de Silleda como de localidades limítrofes e outros municipios galegos (Ames, Pontevedra, Lalín, A Estrada, Vila de Cruces….).
A sesión, ao igual que resto de actividades do Programa Avelaíña, é gratuita pero para participar é preciso inscribirse. A sesión será impartida por Andrea Castro Otero, coordinadora do programa Galicia Montessori, asistente da Asociación Internacional Montessori e psicoterapeuta infantil. Será dende as 10:30 ás 13:30 horas.
Na sesión abordaránse cuestións relacionadas coa importancia dos seis primeiros anos de vida dos nenos/as, os principios do método Montessori (ideado a principios do século XX pola educadora, mestra e médica italiana María Montessori), o papel dos adultos, a mente absorvente…
Dende o Programa Avelaíña, posto en marcha no ano 2015 pola Concellaría de Cultura de Silleda con actividades formativas, lúdicas e divulgativas para os nenos e nenas de 0 a 6 anos, continúase así apostando por cuestións de interese relacionadas co crecemento, educación e benestar dos máis novos.