Silleda, 7 de marzo de 2018. O Concello de Silleda continuará participando ao longo deste ano no Plan de Loita contra a Pobreza e Exclusión Social, que vén desenvolvendo a Fundación Amigos de Galicia.
O alcalde, Manuel Cuiña Fernández, e o presidente da entidade, o silledense Miguel Villar Costoyas, asinaron hoxe a renovación do convenio de colaboración, para ofrecer atención continuada a máis de 20 familias designadas polos Servizos Sociais, aportando alimentos, produtos hixiénicos, roupa e calzado e tamén material escolar, entre outros. A colaboración entre as dúas entidades iniciouse en abril de 2014.
O alcalde destacou o compromiso que vén amosando a Fundación Amigos de Galicia na axuda aos máis desfavorecidos, e que no caso do Concello de Silleda vén prestando atención a unhas 25 familias.
“É unha fundación importante que está segue axudando a milleiros de familias de toda Galicia”, remarcou o alcalde eloxiando o traballo da entidade e reiterando o agradecemento, en nome de todos e todas os silledenses, á Fundación por esta aportación.
O convenio establece que o Concello aportará para este ano un total de 3.000 euros, a mesma cantidade que o pasado.
Cuiña tamén extende o seu agradecemento ás empresas locais que están a colaborar coa fundación “É unha colaboración moi importante que vén a complementar o traballo que estamos a facer dende Servizos Sociais e o programa Silleda Solidaria”, engade o alcalde.
Dende a Fundación Amigos de Galicia, que leva xa 27 anos traballando no ámbito social, o seu presidente, o silledense Miguel Villar agradeceu tamén a participación do Concello de Silleda no seu plan de loita contra a pobreza do que forman parte numerosos municipios galegos.