En marcha as obras de ampliación da rede de abastecemento de auga na parroquia de O Castro

Silleda, 27 de agosto de 2014. O Concello de Silleda continúa ampliando a rede municipal de abastecemento de aguas, actuando neste caso na parroquia de O Castro. Os traballos comezaron xa en días pasados, logo do proxecto realizado dende o Concello e que se presentou ao Plan de Obras e Servizos Provinciais.

A inversión total desta nova conducción da traída supera os 23.000 euros. Os traballos suporán a instalación de un kilómetro de tuberías para levar a auga a diversos lugares desta parroquia. Todos aqueles veciños que desexen conectase á traída municipal unha vez rematados os traballos deben de poñerse en contacto coa empresa adxudicataria do servizo.

“Con esta actuación seguimos apostando por levar infraestruturas básicas ao noso rural, comezando polas zonas máis próximas aos cascos urbanos”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña.

Así, estas obras veñen a sumarse ás realizadas nos últimos tres anos en distintas localidades, para extender a traída municipal de augas.

Trátase dunha obra agardada polos veciños e veciñas desta localidade onde xa se está procedendo á apertura das zanxas para a correspondente instalación de tuberías e canalizacións necesarias

O proxecto contempla as instalacións necesarias para facer acometidas en vivendas da parroquia, susceptibles de conectarse á rede municipal de augas. Así, O Castro súmase ás parroquias  de Ponte, Saídres, Cortegada, Taboada e Manduas, e ao lugar de Toxa, en Silleda

“Dende o Concello estamos apostando por facer distintas dotacións para mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Ademais da mellora de equipamentos públicos, como poden ser as infraestruturas deportivas, obras en viais de distintos puntos do Concello, con importantes inversións nos últimos meses, ou dotacións coma os parladoiros e biosaudables, tamén queremos continuar levando ao noso rural un servizo básico como é o abastecemento de auga”, engade o alcalde.