- A convocatoria publicouse hoxe no BOE e as persoas interesadas poderán presentar as súas solicitudes ata o 5 de xuño
Silleda, 8 de maio de 2026. O Concello de Silleda vén de abrir o prazo de presentación de solicitudes para participar no proceso selectivo de dúas prazas de auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), en réxime de persoal laboral fixo.
A convocatoria, publicada hoxe no Boletín Oficial del Estado (BOE), corresponde ás bases aprobadas pola Xunta de Goberno Local o pasado 24 de abril e publicadas previamente no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. O sistema de selección será o de oposición, en quenda libre.
As persoas interesadas dispoñen dun prazo de 20 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da publicación no BOE, para presentar a súa solicitude. Deste xeito, o prazo permanecerá aberto ata o venres 5 de xuño.
As instancias poderán presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Silleda, na sede electrónica municipal ou a través de calquera dos medios previstos na normativa administrativa vixente.
Entre os requisitos establecidos nas bases figura estar en posesión dalgunha das titulacións ou habilitacións recoñecidas para o exercicio profesional no ámbito da atención sociosanitaria, así como contar co permiso de conducir tipo B e dispoñer de vehículo para os desprazamentos. Tamén se require o certificado de lingua galega Celga 2 ou equivalente; no caso de non acreditalo, as persoas aspirantes deberán realizar unha proba específica de galego.
Desde o Concello de Silleda sinálase que esta convocatoria supón un novo paso para reforzar e estabilizar o persoal dun servizo esencial como é o SAF, fundamental na atención diaria ás persoas maiores, dependentes ou con necesidades de apoio no seu domicilio.
As bases completas, o modelo de solicitude e o resto da documentación poden consultarse no taboleiro de anuncios, na web municipal e na sede electrónica do Concello de Silleda. A continuación figuran as bases e a convocatoria:
- 20260429_Publicación_Anuncio BOPPO nº 80 de 29.04.2026 – BASES REGULADORAS DO PROCESO SELECTIVO PARA O POSTO DE AUXILIAR DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF) EN RÉXIME DE PERSOAL LABORAL FIXO
- 20260508_Publicación_Anuncio BOE nº 112 de 08.05.2026 – CONVOCATORIA PROCESO SELECTIVO PARA O POSTO DE AUXILIAR DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR (SAF) EN RÉXIME DE PERSOAL LABORAL FIXO
