En marcha o proxecto de mellora de fontes e sinalización de enclaves no Camiño de Santiago

-Esta actuación de embelecemento, que recibiu unha subvención da Axencia Galega de Turismo, inclue as fontes de Taboada e Margaride e varios paneis informativos

Silleda, 3 de novembro de 2020.  O Concello de Silleda está a acometer estes días un proxecto para o embelecemento de distintas zonas no Camiño de Santiago, ao seu paso polo municipio.

A iniciativa recibiu o visto bo da Axencia Galega de Turismo, a través da convocatoria “Axudas para actuacións de Mellora Paisaxística e de Embelecemento de Bens e Recursos que se atopen no Camiño de Santiago. O proxecto ten un orzamento total de 7.403,76 euros, e financiarase con fondos propios e ca achega de Turismo, que aporta o 75% do custe do proxecto.

A proposta inclue o equipamento de paneis e a construcción de dúas fontes, dando respostas ás necesidades detectadas no tramo do Camiño polo Sudeste que atravesa o municipio silledense.

Incluese a colocación de paneis interpretativos en Ponte Taboada, un dos lugares máis emblemáticos da ruta silledense, na área recreativa desta localidade, outro xunto ao pazo de Transfontao, e outro preto da Ponte de Chapa. Os paneis contarán con ilustracións, datos relativos á orientación destes enclaves e códigos QR en tres idiomas.

En canto ás fontes, hoxe rematou a colocación da de Taboada e a de  Margaride, embelecendo e mellorando outras xa existentes.

No caso de Taboada colocouse unha xunto á igrexa de Santiago de Taboada, mellorando a billa xa existente coa colocación dunha fronte de pedra tallada cun motivo peregrino.

Con esta actuación mellorarase un dos enclaves máis visitados do Camiño en Silleda, xa que na igrexa de Santiago se ofrece información permantente ás persoas que fan a ruta a Compostela.

A outra fonte que tamén se comezou a colocar hoxe é a de Margaride, mellorando a xa existente na fachada do centro social da localidade con outra ornamentación en pedra.

“Con esta actuación continuamos apostando por mellorar o Camiño ao seu paso por Silleda, poñendo en valor elementos como as fontes e outros recursos patrimoniais e históricos que se atopan os milleiros de peregrinos que realizan este tramo ao longo do ano”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Mellora da ponte da Pedra

Por outra banda, dende o Concello de Silleda continuarase reclamando á Administración Autonómica a mellora da Ponte da Pedra, en Chapa, un paso medieval sobre o río Toxa, que acusa un notable deterioro.

Dende o Concello de Silleda xa se alertou en varias ocasións do mal estado desta ponte, situada tamén no Camiño.