O Concello atendeu 12 solicitudes de particulares no punto de información sobre axudas a damnificados polos temporais

Silleda, 11 de abril de 2014. O punto de información municipal posto en marcha polo Concello de Silleda a principios do pasado mes de marzo pechou hoxe as súas portas na Casa da Cultura logo de atender un total de 12 solicitudes.  

Dende o pasado día 5 de marzo, o Concello veu ofrecendo informaciónr aos cidadáns sobre o Real Decreto Lei 2/2014 do 21 de febreiro, polo que se regulan as Axudas destinadas a paliar danos persoais, danos materiais en vivendas e enseres, establecementos industrias, mercantís, agrarios, turísticos e outros. Este decreto foi publicado o pasado 22 de febreiro no Boletín Oficial do Estado.

Ademais de informar sobre o contido e as condicións das axudas, tamén se tramitaron as solicitudes de particulares. Das 12 consultas atendidas, a metade (6) acabaron en expedientes que foron tramitados dende a a oficina municipal e remitidos á Subdelegación do Goberno. Das restantes, 4 delas eran inviables, ao non axustarse ao Real Decreto.

As outras dúas restantes corresponden a consultas nas que só se solicitou información. Un destes veciños decidiu reclamar só a través da súa aseguradora e outro desistiu manifestando que non lle compensaba. O Ministerio de Interior debe de resolver, segundo recolle o citado decreto, nun prazo de tres meses contados a partir da data de solicitude.

“Con esta iniciativa o que buscamos foi  axudar a todos aqueles  veciños e veciñas que sufriran nas súas propiedades danos derivados da última vaga de temporais”, explica o alcalde, Manuel Cuíña, reiterando que ademais de ofrecer información sobre as condicións das axudas, tamén se tramitaron para remitir despois á Subdelegación do Goberno.

Por outra banda, dende o Concello tamén se remitiu a este último organismo o informe sobre os danos en bens municipais, con graves deterioros tanto na rede viaria como en outros edificios e dependencias municipais tralos efectos dos temporais. A valoración total destes danos en bens municipais ascende a 547.407,58 euros.

O alcalde, Manuel Cuíña, agarda que tanto as reclamacións dos veciños e veciñas como a realizada polo Concello en relación a bens públicos poidan ter a correspondente resposta no menor prazo de tempo posible.