O Concello de Silleda continuará mellorando os accesos e entorno da Fervenza do Toxa

Silleda, 1 de maio de 2019. O Concello de Silleda continua apostando pola mellora do entorno da Fervenza do Toxa, un dos emblemas turísticos do municipio. Así, tal e como se anunciara o pasado mes de febreiro, realizarase unha segunda fase de actuación no aparcamento deste enclave turístico, contando con fondos municipais e  coa liña de subvención da Axencia Galega de Turismo para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas no medio rural durante o ano 2019.

Así, este organismo autonómico vén de comunicar ao Concello de Silleda a concesión dunha axuda de 28.650,03 euros, que corresponde ao 65% da inversión total prevista, con 44.076,97 euros.

Con este proxecto mellorarase o aparcamento que se dotou o pasado ano no entorno deste enclave natural con fondos municipais, completando o proxecto iniciado en 2016 para retirar o tráfico rodado no entorno da fervenza, mellorar o sendeiro de baixada e completar a sinalización.

“Como xa dixemos no seu momento continuaremos mellorando o aparcamento, que inicialmente se adecentou nun terreo alugado ao ADIF con 80  prazas, limpando e adecentando este espazo”, indica a concelleira de Turismo, Ana Luisa González.

O proxecto busca atender as demandas dos usuarios e da propia veciñanza de Pazos, buscando solución a problemas coma o ensanchamento de augas polas choivas.

Así además de elementos para canalizar as pluviais, tamén está previsto adecencentar e implementar as sinais no novo sendeiro habilitado dende o propio parquin para chegar ata o miradoiro.

“Actuaremos no primeiro tramo deste sendeiro que se recuperou coa apertura do estacionamento, sempre con solucións respetuosas co entorno, xa que temos que ter en conta que está incluido na Rede Natura 2000 e no Sistema Fluvial Ulla-Deza”, engade a concelleira.

Así, realizaránse melloras para evitar na medida dos posible os danos ocasionados pola escorrentía de augas pluviais. Para mellorar a accesibilidade, o proxecto contempla tamén a instalación de travesas de madeira  co fin de salvar desniveis na zona de estacionamento.

No sendeiro prevese realizar una pavimentación con celosías vexetais , co que tamén se reforza a seguridade dos visitantes.

Dotación de alumeado

Outra das iniciativas que plantexa esta actuación é a dotación de alumeado, con instalación dun sistema de báculos soterrados co que tamén se mellora a seguridade dos usuarios.

O proxecto tamén inclue a colocación de estacas de madeira nos terreos da pista que vai ao mirador para evitar o estacionamento de vehículos en fincas privadas.

“Agardamos poder seguir mellorando esta dotación coa que puxemos en valor este entorno visitado cada ano por milleiros de persoas”, indica  o alcalde, Manuel Cuiña.

Logo de retirar o tráfico no acceso ás fervenzas, peatonalizando a baixada a este monumento natural, incluido na Rede Natura 2000, e de ampliar notablemente a sinalización dende distintos puntos, o pasado verán o Concello de Silleda dotaba á parroquia de Pazos desta zona de estacionamento pechando o proceso e ofrecendo un servizo demandado tanto polos turistas como polos propios residentes na parroquia.