O Concello de Silleda contratará a dúas persoas a través do programa “O teu primeiro emprego

-Contratarase a un traballador ou traballadora social e a un técnico en Medio Ambiente a través deste plan da Deputación de Pontevedra, co cal se pretende incrementar a empregabilidade dos recén titulados na provincia.
Silleda, 26 de setembro de 2020. O Concello de Silleda contratará en prácticas e a xornada completa a un traballador ou traballadora social e a un técnico/a de Medio Ambiente durante 6 meses (prorrogable por outros 6) de acordo coa normativa vixente. Será para os departamentos de Servizos Sociais e Medio Ambiente, respectivamente. O contrato deberá formalizarse nas vindeiras semanas.
Esta contratación faise mediante a iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra, “O teu primeiro emprego”. Este plan ten por finalidade facilitarlle ás persoas tituladas universitarias e de ciclos superiores de formación profesional o acceso, dentro da provincia de Pontevedra, a un primeiro emprego adecuado ao nivel de estudos cursados para adquirir experiencia profesional e facilitarlles a súa futura inserción no mercado laboral, tanto en empresas como en organizacións sen ánimo de lucro.
A experiencia laboral adquirirase mediante contratos laborais de prácticas,polo que para o seu desenvolvemento a Deputación de Pontevedra conta coa colaboración dos concellos de menos de 50.000 habitantes.
A selección realizase a través das persoas inscritas no SEPE como demandantes de emprego. A vindeira semana o Tribunal encargado de seleccionar ás persoas que desempeñarán este posto iniciarán a valoración de méritos.