- As bases da convocatoria, publicadas hoxe no BOP, abrindose un prazo de 10 días, ata o 14 de maio, para presentar solicitudes
- Esta bolsa permitirá cubrir con maior axilidade substitucións, baixas ou necesidades puntuais de persoal nos servizos municipais
Silleda, 29 de abril de 2026. O Concello de Silleda dá un novo paso na ordenación dos seus recursos humanos coa aprobación das bases para a creación dunha bolsa de emprego temporal para persoal de conserxaría e limpeza, correspondente ao posto denominado nas bases como conserxe-limpador/a.
A proposta, elevada á Xunta de Goberno Local pola concelleira de Persoal, Mónica González Conde, ten como obxectivo garantir unha resposta máis áxil ante substitucións transitorias, baixas ou situacións de acumulación de tarefas, evitando que estas circunstancias afecten ao funcionamento ordinario das instalacións municipais.
As bases da convocatoria, mediante concurso-oposición, foron publicadas hoxe no Boletín Oficial da Provincia (BOP) de Pontevedra, abríndose un prazo de 10 días hábiles dende mañá xoves para presentar solicitudes (remata o 14 de maio). Están dispoñibles tanto na web como na sede electrónica do Concello de Silleda.
González Conde sinala que “esta bolsa permítenos contar cunha ferramenta organizada, transparente e útil para cubrir necesidades reais do Concello cando se produzan, sempre respectando os principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade”.
O proceso desenvolverase mediante o sistema de concurso-oposición e servirá para constituír unha bolsa de emprego con carácter temporal. As persoas que formen parte dela poderán ser chamadas, seguindo a orde resultante do procedemento selectivo, para cubrir necesidades de persoal funcionario interino vinculadas ás tarefas de conserxaría e limpeza.
Entre os requisitos específicos para participar figuran contar co carné de conducir B e co Celga 2. Non se esixe titulación académica específica, ao tratarse dun posto encadrado nas agrupacións profesionais da Administración Especial.
A bolsa terá unha vixencia inicial de tres anos desde a súa aprobación, agás que antes dese prazo se constitúa unha nova bolsa que a substitúa. Deste xeito, o Concello poderá contar cun instrumento estable para responder ás necesidades que vaian xurdindo nos distintos edificios, instalacións e servizos municipais.
As funcións asociadas ao posto inclúen tarefas de limpeza, apertura e peche de dependencias, control de accesos, custodia de chaves, pequenas tarefas de mantemento, reparto de documentación e apoio no funcionamento diario das instalacións municipais.
A concelleira de Persoal destaca que “o obxectivo é anticiparnos ás necesidades do día a día e evitar que unha baixa, unha substitución ou un reforzo puntual xere dificultades na prestación dos servizos”. Neste sentido, engade que “falamos dunha bolsa pensada para reforzar a organización interna e para que o Concello poida actuar con máis rapidez cando sexa necesario”.
As persoas interesadas poderán presentar a súa solicitude nos rexistros do Concello de Silleda, tanto de maneira presencial como a través da sede electrónica municipal, así como por calquera dos medios previstos na normativa de procedemento administrativo.
Dúas prazas auxiliares do SAF
O BOP de Pontevedra publica tamén as bases para cubrir 2 prazas de Auxiliar do Servizo de Axuda no Fogar, como personal laboral fixo, incuidas na Oferta Púlica de Emprego de 2025. Neste caso, o prazo para presentar solicitudes ao proceso abrirase cando as bases se publiquen no Boletín Oficial do Estado (BOE) abríndose un prazo de 20 días hábiles.
A continuación poden consultarse as bases para o procedemento de conserxe/limpador/a:
