O Concello de Silleda está a aforrar 6.000 euros ao mes en gasto eléctrico

Silleda, 24 de maio de 2014. O Concello de Silleda está logrando un aforro de 6.000 euros ao mes na factura eléctrica. Así o reflicen os datos do último periodo de facturación, entre os meses de marzo e abril pasados.

Este último balance,  realizado dende o departamento técnico municipal de Electricidade, xorde logo de comparar os datos destes meses cos do mesmo periodo do ano 2012. Tómase como referencia esta data porque o pasado ano 2013 xa estaban instalados algúns alumeados públicos con cambio de tarifas e outras medidas de aforro.

Así, o aforro no caso de Hidroeléctrica tradúcese nunha diminución no consumo de 39.987 kw/hora menos, o que se reflicte na factura cun aforro de 7.589 euros.

En canto a Fenosa, a segunda compañía que opera no termo municipal silledense, no último bimestre consumíronse 16.857 kw/h menos, e tamén se aforraron un total de 4.790 euros.

Así, a suma dos aforros conseguidos nas dúas compañías subministradoras no periodo de marzo e abril de 2014 respecto a 2012, supuxo un aforro na facturación de 12.379 euros, o que vén a dar un resultado de 6.000 euros ao mes.

Esta reducción conseguiuse non só coa reducción de puntos de luz, senon tamén coa adopción de outras medidas técnicas como a reducción de potencia dos equipos, reducción do termo de potencia e tamén cambio de tarifas. “Con estes indicadores e tendo en conta que continuamos aplicando medidas correctoras agardamos que o nivel de aforro sexa moito maior nos vindeiro meses”, explica o concelleiro de Medio Ambiente e Industria, Luis Rodríguez.

Dende o goberno municipal advírtese tamén que as políticas de aforro que se están a aplicar tamén noutros ámbitos ao gasto corrente están ademais a dar os seus froitos, tal e como se reflexa na liquidación do orzamento de 2013, no que a reducción de gastos en bens correntes e de servizos alcanzou o 23 por cento respecto ao exercicio anterior.