O Concello de Silleda vén de iniciar as obras de mellora de camiños municipais en Pedrouzo, Cervaña e Cortegada, unha actuación que supón un investimento de 236.200,75 euros (IVE incluído) e que permitirá actuar en seis núcleos do rural silledense.
A empresa adxudicataria, Construcciones y Obras Taboada Ramos S.L.U., xa realizou os primeiros labores de limpeza no tramo de Pedrouzo, na parroquia de Graba, e nestes días está a traballar na parroquia de Cervaña.
A alcaldesa de Silleda e concelleira de Obras, Paula Fernández Pena, achegouse hoxe ata Cervaña para supervisar sobre o terreo o inicio dos traballos e comprobar a evolución desta primeira fase da actuación.
O calendario previsto continuará nos vindeiros días en Cortegada, onde a empresa comezará cos traballos previos de preparación do terreo e acondicionamento das cunetas antes de acometer as seguintes fases da obra.
“Estamos xa sobre o terreo cunha actuación importante, tanto polo investimento como pola extensión, porque nos permite mellorar de maneira conxunta varios camiños en tres parroquias”, sinala Paula Fernández. A alcaldesa destaca que “falamos de vías que teñen un uso diario por parte da veciñanza e tamén unha especial importancia para a actividade agrogandeira, polo que estas melloras repercuten directamente na mobilidade e na seguridade no noso rural”.
Actuación en seis núcleos
O proxecto abrangue camiños municipais en Barreiro e Pedrouzo, na parroquia de Graba; Alfonsiños e Ouzande, en Cervaña; e Camporrapado e A Revolta, en Cortegada. Os traballos contemplan a renovación do firme e a limpeza e acondicionamento das cunetas para favorecer unha correcta drenaxe das augas pluviais. Ademais, naqueles tramos nos que resulta máis recomendable desde o punto de vista técnico executarase pavimento de formigón armado, co obxectivo de incrementar a resistencia e prolongar a vida útil das actuacións.
Paula Fernández lembra que antes da licitación o Concello mantivo reunións coa veciñanza dos distintos lugares afectados, nas que se explicaron sobre o terreo as intervencións previstas e se recolleron achegas.
“É unha forma de traballar que queremos seguir mantendo. Antes de actuar escoitamos á veciñanza, visitamos os lugares e analizamos as necesidades sobre o terreo. Agora comezamos a materializar esas melloras cun investimento importante que chegará a seis núcleos”, engade a alcaldesa.
A actuación está financiada a través do Plan +Provincia, da Deputación de Pontevedra e forma parte do programa municipal de mellora progresiva das infraestruturas viarias do rural.
“Seguimos avanzando na mellora dos servizos e das infraestruturas das parroquias. Temos un territorio moi extenso e unha ampla rede de camiños municipais, e por iso é fundamental continuar destinando recursos a actuacións que faciliten os accesos ás vivendas e explotacións e melloren a calidade de vida da veciñanza”, conclúe Paula Fernández.