O Concello de Silleda lembra que o luns, 3 de agosto, remata o prazo para presentar as solicitudes de autorización para a instalación de atraccións de feira, postos de venda ambulante, postos de alimentación e outras actividades con motivo das Festas de Verán de Bandeira 2026.
As persoas autónomas, empresas e entidades interesadas en participar deberán presentar a correspondente solicitude acompañada de toda a documentación requirida, co obxectivo de que os servizos municipais poidan tramitar as autorizacións necesarias dentro dos prazos establecidos.
Dende o Concello faise un chamamento ás persoas solicitantes para que non agarden ao último día e comproben que a documentación está completa antes da súa presentación, o que permitirá axilizar a tramitación administrativa e facilitar a organización dos espazos destinados ás diferentes actividades.
As Festas de Verán de Bandeira celebraranse os días 20, 21, 22 e 23 de agosto, cun programa que volverá ofrecer propostas para todos os públicos, combinando actividades culturais, musicais, de lecer e outras iniciativas que converterán a vila nun punto de encontro para veciñanza e visitantes.
