O Concello de Silleda outorga tres novas axudas a través do Plan Municipal de Creación de Emprego

Silleda, 18 de abril de 2019.  O Concello de Silleda vén de outorgar tres novas subvencións ao abeiro do Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego.  O goberno local outorgou unha axuda de 1.200 euros a María Eugenia Gándara Pereira, para a apertura dun comercio de roupa ao por menor; unha de 900 euros a Mariana Georgeta Degetar, para un café bar; e outra de 900 euros a Manuel Peón Iglesias, que se deu de alta como autónomo no sector de albanelería, traballos de construcción, consolidación e preparación de terreos.

Con estas tres últimas subvencións, son xa 25 as axudas outorgadas a través deste programa municipal dende a súa creación no ano 2015 por parte da Concellería de Emprego, que dirixe Ana Luisa González Costa.

No ano 2015, cando se puxo en marcha esta iniciativa dende a Concellería de Emprego, que dirixe Ana Luisa González, foron 5 os veciños e veciñas beneficiarios; en 2016 outorgáronse 3 e en 2017 o número elevouse a 8. No exercicio de 2018 concedéronse outras 6 axudas. En total, o Concello de Silleda destinou a este programa algo máis de 30.000 euros.  “Os datos son moi satisfactorios, xa que nos 4 anos que levamos de axuda o 92% dos veciños e veciñas beneficiarios seguen en activo ”, indica a concelleira.

O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego iniciouse na presente lexislatura como unha das grandes apostas do goberno municipal de Silleda para fomentar a creación de emprego. “Todo silledense que esté en situación de desemprego e queira emprender un negocio en Silleda conta con estas axudas a fondo perdido, sempre que cumpla as condicións establecidas nas bases”, lembra a concelleira de Emprego, Ana Luisa González Costa, que lembra tamén o esforzo que se está a facer dende o departamento municipal no ámbito da formación coa organización de xornadas como a de emprendemento celebrada o pasado día 9 ou que terá lugar o vindeiro mes de maio.

Durante todo o 2019

A iniciativa continuará durante este exercicio, logo de que o pasado mes de xaneiro se aprobaran no pleno  as bases reguladoras, que poden consultarse na web municipal.

A subvención máxima outorgable é de 3.300 euros, cun baremo de 30 euros por punto.

Puntúase que o promotor/a do proxecto sexa parado/a de longa duración;  a apertura de local; a alta no Réxime de Autónomos; a contratación de persoal; e prímanse aqueles proxectos relacionados co sector primario, medio ambiente o que aposten polo I+D+I.

Tamén se outorgan a maiores puntos extra, para aqueles casos nos que os proxectos sexan promovidos por mulleres con cargas familiares de unidades monoparentais.

“O grande obxectivo que nos propuxemos con este programa é en definitiva axudar á creación de emprego”,  indica.

As axudas outorgadas, ao igual que as bases,  poden consultarse na páxina web municipal (www.silleda.gal). Ademais tamén se poden descargar os anexos para realizar as solicitudes.

Así mesmo todas as axudas outorgadas dende o inicio do programa están publicadas no portal de Transparencia, na sede electrónica do Concello.

O municipio cos mellores datos

Neste senso, González Costa lembra que segundo os últimos datos de afiliación á Seguridade Social, Silleda foi o municpio con mellores resultados, sumando 182 novas altas segundo as cifras do pasado mes de marzo. Do mesmo xeito, advirte que Silleda conta a día de hoxe con 376 parados, unha cifra que está lonxe dos 756 desempregados que existían hai agora 6 anos ( abril de 2013). “Se revisamos a progresión, vemos que a día de hoxe non estamos tan lonxe dos 230 veciños e veciñas desempregados que tiña Silleda en xuño de 2007, antes da crise económica”, explica a concelleira.