O Concello de Silleda recibe unha axuda de 13.842 euros  para a elaboración  dun plan de emerxencia ante posibles situacións de seca

-Dende o Concello de Silleda xa se están a facer os trámites para adxudicar  a redacción do documento

Silleda,  24 de agosto de 2021.  O Concello de Silleda vén de recibir a resolución pola que dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade se lle outorga unha subvención de 13.842,40 euros para a redacción dun plan de emerxencia ante situación de seca.

Dende o departamento municipal de Medio Ambiente solicitouse esta axuda no pasado mes de xuño, a fin de proceder á redacción do documento, ao abeiro das axudas aprobadas en no mes de abril para os municipios galegos en réxime de concorrencia competitiva.

A día de hoxe, unha vez recibida a confirmación da citada axuda, xa se está a tramitar o proceso para adxudicar a redacción do plan.A través deste documento, as entidades locais responsables de sistemas de abastecemento á pequenas e medianas poboacións, contarán cun instrumento básico de  planificación para xestionar os posibles episodios de seca, de tal xeito que se garanta o abastecemento á poboación, mellorando o seu  sistema de abastecemento, reducindo a súa vulnerabilidade fronte ás secas nun contexto de cambio climático e involucrando á cidadanía na elaboración destes plans, fomentando o emprego eficiente dos recursos hídricos, fortalecendo a planificación orientada á prevención e adaptación fronte ao risco por seca.

Os Plans municipais de emerxencia ante situacións de seca son un instrumento básico para a xestión destes episodios a nivel de concello e/ou sistema de abastecemento: definen os protocolos de actuación no ámbito local, establecen as medidas necesarias para garantir o subministro de auga á poboación en caso de seca e fomentan o emprego eficiente dos recursos hídricos.

“O Concello de Silleda, aínda tendo cubertas as súas necesidades de abastecemento non é alleo a este problema  que cada vez pode ser mais frecuente (recordemos os graves incendios do 2017 e as súas consecuencias para os nosos veciños e veciñas) e polo tanto considera de sumosinterese contar con un documento municipal que sirva como instrumento de cara a tomar medidas para evitar e minorar os períodos de seca e no caso de habelos contar con un protocolo claro de actuación”, indica Pili Peón, concelleira de Medio Ambiente de Silleda.