O Concello de Silleda volve convocar o certame #SilledaFaiNadal, con máis 3.000 euros en premios para gastar no comercio e hostalería do municipio

-Esta cuarta edición do concurso contará novamente con dúas categorías: unha individual para decorar vivendas, balcóns, fachadas, e outra colectiva na que se poderán elixir espazos públicos. O prazo estará aberto durante todo o mes de novembro

-Entre as novidades, o sistema de elección, que a maiores do xurado contará con votación popular nas Redes Sociais, a través do perfil oficial do Concello

Silleda, 4 de novembro de 2023.  O Concello de Silleda, a través das concellerías de Cultura e de Comercio, das áreas de Acción Social e Promoción Económica, volve convocar o concurso #SilledaFaiNadal  entre a a veciñanza a fin de promover a creatividade e axudar, ao mesmo tempo, ao comercio e a hostalería local.

Esta proposta dun certame de decoración navideña, que acada xa a súa cuarta edición, busca a participación activa da veciñanza e colectivos para infundir un ambiente propio das datas de Nadal en distintos espazos. As bases do certame foron aprobadas xa en Xunta de Goberno Local e establecen un reparto de premios que será de 3.175 euros, igual que o pasado ano, cando se incrementou a partida en máis de mil euros.

O concurso está dirixido a todas as persoas que vivan no municipio de Silleda e establécense dúas categorías: individual (ca decoración de balcóns, galerías e fachadas, ou entradas de vivendas sempre que sexan visibles dende o exterior); e colectiva, para comunidades de veciños, asociacións, grupos…. Neste último caso deberá elixirse un emprazamento do que se informará previamente no momento de realizar a inscrición.

As persoas e grupos que desexen participar deben inscribirse no Rexistro Municipal, cun formulario específico para este certame. O prazo de inscrición abrirase este luns día 6 e continuará durante todo o mes de novembro.

As decoracións serán visibles dende o exterior, e estar instaladas, como mínimo dende o 15 de decembro ata o 5 de xaneiro de 2023.

Admitiranse todo tipo de materiais para a construción da ornamentación e valoraranse especialmente a orixinalidade, deseño, uso de ornamentos feitos a man ou con material de refugallo, así como a interculturalidade dos decorados. No caso de contar con iluminación, tamén se puntuará que se realice con luminarias fotovoltaicas ou de tecnoloxía LED de baixo consumo.

Entre as novidades das bases figura un novo sistema para a elección dos traballos gañadores. Así, ademáis dun xurado formado por membros de colectivos que non participen no certame, o voto será ponderado (ao 50%) cos “me gusta” recibidos por cada traballo na páxina oficial de Facebook do Concello de Silleda. Para iso, as persoas e colectivos participantes deberán de remitir fotografías (un máximo de 3) ao enderezo electrónico comunicacion@silleda.gal.

As bases e o anexo de inscrición estarán dispoñibles na web municipal.

En cada unha das categorías establécense 3 premios, todos eles para gastar nos comercios ou nos locales de  hostalería situados no municipio silledense. Na colectiva haberá un primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 700 e un terceiro de 500 euros. Na individual os premios serán respectivamente de 500, 300 e 175 euros. O xurado estará formado por integrantes de asociacións ou colectivos que non participen no concurso e por un representante do Concello, con voz pero sen voto, así como por un técnico municipal, que actuará como secretario/a.

A resolución do concurso comunicarase, de ser posible, ao longo do mes de xaneiro. Con este certame búscase reactivar a economía local ao tempo que se premia a creatividade e orixinalidade das creacións, neste caso ca decoración e motivos de Nadal como protagonistas. Bases e formulario de inscrición a continuación: