O goberno de Silleda artella por primeira vez as bases para axudas a deportistas individuais federados

-Repartiránse un total de 3.000 euros para apoiar a práctica deportiva en competicións oficiais a nivel galego e nacional

Silleda, 26 de xullo de 2021.  O goberno municipal de Silleda levará ao pleno ordinario do vindeiro xoves as Bases das Subvencións a Deportistas Individuais Federados/as do Concello de Silleda para a tempada 2021/2022. Dende o goberno municipal xa se avanzou cando se aprobaron as axudas a clubs deportivos, que a partida orzamentaria se ampliara este ano precisamente para axudar a deportistas a título individual, conscientes de que nos últimos anos se vén constatando un notable aumento de veciños e veciñas que están a destacar en diferentes disciplinas.

As axudas están destinadas á práctica deportitiva de xeito individual ou por parellas, cunha dotación económica de 3.000 euros. Poderán optar deportistas federados/as que estén empadroadas no Concello de Silleda con anterioridade á aprobación das bases, que conten ca licencia vixente expedida pola correspondente federación e que participen en competicións oficiais a nivel autonómico e nacional.

As persoas aspirantes deberán de presentar entre outra documentación un proxecto deportivo para a vindeira tempada. Os criterios para a concesión rexeranse polos cerfificados da correspondente federación, valorando o nivel de competición, historial deportivo, convocatorias con seleccións, categoría dos deportistas (primando as previas á absoluta) e puntuarán tamén as licenzas femininas e de deporte adaptado.

O importe máximo por cada axuda será de 1.000 euros. Serán gastos subvencionables a adquisión de material deportivo, gastos de desprazamento para participar en competicións, pago de adestradores… e os relacionados ca práctica deportiva.

A comisión de valoración das axudas elaborará un informe por cada unha das solicitudes presentadas, elevando as propostas á Xunta de Goberno Local. O prazo para solicitar estas axudas abrirase no momento en que se publique a correspondente convocatoria.

“Con estas bases, que se elaboran por primeira vez no Concello de Silleda, buscamos apoiar ás persoas deportistas que a nivel individual están competindo en circuitos oficiais a nivel tanto galego coma nacional”, indica a concelleira de Deportes Mónica González.

A continuación figuran as bases publicadas no BOP de Pontevedra o 9 de agosto. O prazo para presentar solicitudes abrirase unha vez publicada a convocatoria neste mesmo boletín.