O Concello de Silleda vén de poñer en marcha o Centro de Dinamización de Escuadro, unha nova iniciativa enmarcada no programa Silleda Dinamiza coa que se busca revitalizar este equipamento municipal e convertelo nun espazo vivo, aberto á participación e cunha programación continuada.
O arranque desta nova etapa tivo hoxe como protagonistas aos nenos e nenas de 3º de Educación Primaria do CEIP Plurilingüe de Silleda, que participaron na primeira das visitas escolares organizadas polo Concello arredor do Centro de Interpretación da Natureza.
A actividade desenvolveuse en dúas partes. O alumnado realizou primeiro unha pequena ruta de sendeirismo pola contorna de Férveda para coñecer directamente os valores naturais deste enclave e, posteriormente, participou nunha actividade no Centro de Interpretación da Natureza de Escuadro.
Durante a xornada traballáronse contidos relacionados coa biodiversidade, os ecosistemas e o respecto e coidado da natureza, combinando a observación directa da contorna coa explicación e interpretación dos seus valores ambientais.
Estas visitas escolares terán continuidade e serán ofertadas aos distintos centros educativos, reforzando así a vertente didáctica dun equipamento que inicia agora unha nova etapa.
Un centro con actividade durante todo o ano
A iniciativa forma parte da experiencia piloto que o Concello está a desenvolver en Escuadro dentro do programa Silleda Dinamiza, coa posta en marcha dun Centro de Dinamización que permitirá ampliar notablemente os usos deste espazo.
O obxectivo municipal é que o centro funcione como punto de encontro e dinamización, aproveitando tanto o propio equipamento como os recursos naturais e sociais da súa contorna.
Así, á programación vinculada á educación ambiental e ás visitas escolares iranse sumando progresivamente actividades dirixidas á veciñanza, cursos, obradoiros, degustacións e outras propostas de carácter divulgativo, formativo e de lecer.
“Queremos que este sexa un espazo vivo, que teña actividade e que sirva tanto para dar a coñecer a riqueza natural de Escuadro como para xerar novas propostas para a veciñanza”, explica a alcaldesa, Paula Fernández Pena, quen destaca que a experiencia permitirá tamén “ir incorporando actividades en función da resposta e das necesidades que se vaian detectando”.
Paula Fernández participou tamén na visita de hoxe xunto ás concelleiras de Medio Rural, Asunción García, e de Educación, Ángela Troitiño.
Case un centenar de visitantes
A posta en marcha do Centro de Dinamización inclúe ademais a apertura diaria das instalacións, permitindo ampliar as posibilidades dun equipamento municipal que ata o de agora tiña un uso máis limitado.
Desde o Concello sinálase que esta experiencia en Escuadro permitirá avanzar nun dos obxectivos de Silleda Dinamiza: aproveitar mellor os equipamentos municipais e convertelos en focos de actividade tamén no rural, promovendo propostas que contribúan á participación, á divulgación e á dinamización social.
Dende a súa apertura a mediados do pasado mes de setembro, xa se rexistraron preto dun centro de visitas ao Centro de Interpretación da Natureza, o que dá conta do interese por esta iniciativa.
A primeira visita escolar celebrada hoxe supón así o inicio dunha programación que se irá completando nos vindeiros meses con novas iniciativas destinadas a distintos públicos.
